14.11.12

Comezamos o "Vaidelibros" 2012/2013



O 7 de novembro iniciamos un novo curso co Vaidelibros. Botamos especialmente en falta a Majo, a coordinadora da nosa biblioteca, á que seguro lle gustaría estar con nós e á que esperamos recuperar axiña. Foi un pracer reencontrarnos con vellos lectores e lectoras  e dar a benvida ás novas caras que se suman a esta andaina literaria.


 
O libro escollido foi La sociedad literaria y el pastel de pie de patata de Guernsey, de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows, unha novela que, a través da técnica epistolar, conta a vida dunha serie de persoas unidas polo amor á lectura durante a ocupación nazi da illa de Guernsey.
 

Os asistentes ao Vaidelibros destacaron que é interesante observar como describe os personaxes a través das cartas, que é un libro que fala de libros, que conta moi ben o contraste entre a vida apracible na illa e a dureza da ocupación alemá, que os personaxes son modernos na súa forma de actuar e de pensar, e que todo está bañado pola ironía e o sentido do humor.


Tamén lle atoparon algunhas tachas: é previsible, non afonda nos temas e os personaxes son maniqueos: ou moi bos ou moi malos.

Con todo, a impresión xeral é que é un libro que deixa un sabor agradable e unha obra recomendable para deleitarnos coa lectura.


1 comentario:

Bookworm dijo...

Yo lo comienzo a leer esta tarde. A ver si coincido con vuestras impresiones.
Un saludo.