3.12.15

Vaidelibros co teatro galego actual



Onte, 2 de decembro,  na segunda sesión do Vaidelibros, tivemos a sorte de poder falar co autor da obra lida, Monólogo dun imbécil, Jose L. Prieto.
Iniciamos a sesión co visionado dun fragmento da última montaxe deste autor Bye, bye, honey (Lumpen, pachanga e Rockanrol) que se está a representar nestes días .
O escritor e director de teatro compartiu con nós unhas case dúas horas de charla amena e didáctica no medio dun ambiente distendido pero no que se botaron en falta as voces dos máis  novos.
Falamos de Monólogo dun imbécil, do entretido e hilarante  que nos resultou o texto pero tamén da situación dura pola que pasa o teatro galego actual, carente das axudas de noutrora e do apoio institucional por parte dunha política cultural que parece darlle as costas a este xénero e tamén da situación privilexiada de Narón,  concello próximo a  Ferrol, que vén mantendo unha escola municipal de teatro dende hai máis de vinte anos.
Reiteramos dende aquí o agradecemento ao autor que tan desinteresadamente se ofreceu a compartir cos lectores e lectoras de Rodeira unha tarde de mércores na nosa biblioteca.





No hay comentarios: