29.11.15

Ata sempre, Neira Vilas



O pasado venres, 27 de novembro, liamos abraiados na pantalla do ordenador a noticia da morte de X. Neira Vilas, o "pai" de Balbino, de Lelo, do muiñeiro de Xente no rodicio, de Manoliño e mesmo de Pachín, así como de tantos outros.
Non deixa orfos pois deixa as súas obras con todas as súas criaturas  ademais do grato recordo e feliz pouso  a aqueles que tivemos a sorte de estar nalgún momento próximos a el (nunha charla, nun encontro de escritores, nunha xuntanza pola defensa do tren no Ulla,...). Porque son moitas as ocasións en que este bo home se deixaba sentir ao lado da xente, próximo aos galegos e galegas, á Galicia que el mesmo di ter descuberto na emigración a Bos Aires.
Na nosa biblioteca faremos a homenaxe que cómpre a un escritor: a lectura das súas obras. Terédelas expostas para levalas e lelas e compartilas e comentalas.
GRAZAS, Xosé Neira Vilas, por facer que os nenos e nenas de Rodeira podan coñecer unha das máis entrañables historias da literatura e falar de Balbino "un rapaz de aldea, coma quen di, un ninguén"

No hay comentarios: