3.3.15

Herba moura sen Teresa Moure

Os "Vaidelibros" xuntámonos o 25 de febreiro para falar de Herba moura, a novela que lle valeu o Premio Xerais de novela 2005 á súa autora, Teresa Moure.
Foi unha xuntanza na que se botou en falta a presenza da autora (que aceptara a invitación á charla e que máis tarde tivo que suspender) pois todas as presentes coincidiamos en que habería moito que comentar con ela.
Panel realizado pola profesora de ciencias Begoña Puime que recollía material empregado hai anos nunha exposición sobre novela de amor que se fixera na nosa biblioteca. Ademais, Isabel Ávila, co  alumnado de 1º realizou ese pequeno anaco de patchwork, labor ao que Herba moura adica un capítulo. 

Canto ás opinións verquidas sobre a obra, podemos dicir que houbo tres grupos:  o daquelas que manifestaron que tardaron en entrar na historia e mesmo ao final se lles presentou como unha historia non rematada, o daqueloutras que gustaron moitísimo da novela e mesmo se reconciliaron coa lectura de literatura galega e, finalmente, o grupo das que, na segunda lectura que facían da obra, manifestaron ter gozado máis coa primeira  ca nesta segunda volta.
Curiosamente foi unha reunión de mulleres (ningún dos homes habituais puido asistir) para falar dunha novela de mulleres. Faltou daquela o contrapunto masculino. Outra vez será.

                                                   As mulleres do "Vaidelibros" a falar das mulleres de Herba moura.

Rematamos a sesión coa proxección do vídeo para a canción "Matriarcas" de Guadi Galego (Lúas de outubro e agosto) que nos pareceu ben acaído.



 Teresa Moure deixou aberta a posibilidade de acompañarnos noutro momento e imos tomarlle a palabra.

No hay comentarios: