27.1.15

De novo cita con Maalouf no Vaidelibros

Os " Vaidelibros"  de Rodeira xuntámonos o mércores, 14 de xaneiro, na nosa primeira cita do ano 2015, para falarmos do libro de Amin Maalouf, A deleiba do mundo, Editorial Xerais.
Esperanza Mariño presentando o libro



A deleiba do mundo de A. Maalouf (Reseña feita por Esperanza Mariño-Profesora de Xeografía e Historia)

Un libro que axuda a entender a orixe dos problemas e ameazas aos que nos enfrontamos hoxe. Explica e propón respostas e solucións á crise,  regresión e confrontación na que se encontran dúas importantes civilizacións,  a occidental e a musulmá.
No primeiro caso os cambios producidos coa caída do muro de Berlín e o avance da globalización, que fixeron aumentar moito as desigualdades. No mundo musulmán as dificultades para o progreso da democracia e o aumento da radicalización.
O autor, coñecedor destes dous mundos aos que está fortemente vinculado, e admirador dos valores ilustrados, propón como saída reafirmalos e poñelos en práctica en todo o mundo para que sexan un referente universal. 
" Ou somos quen de construír neste século unha civilización común, coa que cada quen poida identificarse, vencellada por os mesmos valores universais, guiada por unha fe poderosa na aventura humana, enriquecida con todas as nosas diversidades culturais, ou afundimos xuntos nunha barbarie común".
Ao longo do libro mostra unha gran inquietude polos perigos aos que nos enfrontamos, aínda que tamén unha grande esperanza na capacidade  humana para repensar e reorganizar totalmente o mundo e saír  da longa etapa tribal da historia.
Os reunidos para comentar o libro coincidimos na práctica totalidade en que nos gustou, ainda recoñecendo certas dificultades de lectura pola profundidade e dificultade dos temas propostos. Á meirande parte lles pareceu moi interesante e recomendable  para entender o mundo de hoxe, e pode axudar a mitigar o medo e a ira que se senten ante os inquietantes acontecementos actuais.




No hay comentarios: