3.2.15

Rebeldes e a obra de R. Dahl cos Papalibros

Voltamos das vacacións de Nadal e voltamos co club de lectura dos pequenos ( e dos non tan pequenos) do instituto.
Desta vez os alumnos de 3º da ESO leron Rebeldes de Susan Hinton, unha obra publicada en 1967 considerada unha das grandes obras da literatura xuvenil.

É unha novela realista  que narra como uns adolescentes se ven envoltos nunha complicada aventura entre bandas de moi diferente clase social: os greasers e os socs, aventura que remata de xeito tráxico.
O narrador é un mozo de 14 anos que, despois de vivir esa tráxica experiencia, escribe para superala.
Francis Ford Coppola levou esta historia ao cine en 1983.


Entre o alumnado do club tivo unha acollida dispar: a algúns resultoulles difícil de ler, mentres a outros llss pareceu que se trataban de xeito interesante temas como a amizade,  a importancia da familia, os estudos, a violencia, a diferenza de clases sociais, o maltrato, ...



Os miniPapalibros ( alumnado de 1º ESO) leron As bruxas de R. Dahl; os que xa leran esta obra en anos anteriores, puideron ler outro título do mesmo autor: Boy, relatos de infancia.
A primeira novela citada descobre a existencia dunhas bruxas crueis que odian os nenos e queren convertelos en ratos; mesmo o fan co propio protagonista, pero este descobre que a vida de rato non lle disgusta, sempre que poida vivir na compaña da súa encantadora avoa. Traman un plan para acabar con todas as bruxas do mundo.

Boy é un conxunto de relatos nos que o autor rememora episodios da súa infancia e xuventude: desde as primeiras viaxes en triciclo para ir ao parvulario ata que entrou a traballar na Shell, foi enviado a Exipto e se alistou para combater na 2ª Guerra Mundial.
 O alumnado explicou cal fora o seu episodio favorito: Roque e Isaac contáronos que lles divertiu  o capítulo no que Roald e os seus amigos meten un rato morto nun tarro de caramelos da confitería da señora Pratchett, cando meten cagarrutas de cabra na pipa do mozo da irmá de Roald ou  cando ten que sentarse no retrete para que o seu "xefe de grupo" o teña quente ao ir usalo.



Sempre é un pracer escoitar ao alumnado falar da obra deste autor que gusta tanto a nenos como a adultos.




No hay comentarios: