Fai xa un par de semanas que se estreou nos nosos cines, con enorme éxito, a versión cinematográfica d´ A Esmorga, dirixida impecablemente por Ignacio Vilar. Nela reprodúcese a inesquecible historia que alá por 1959 publicaba no exilio Eduardo Blanco Amor e na que se narran, de boca do Castizo (interpretado por Miguel de Lira), as vintecatro horas de troula e borracheira que este vivira co Bocas (interpretado por Karra Elejalde), e o Milhomes (interpretado por Antonio Durán “Morris”). Son, porén, vintecatro horas nas que estes tres personaxes se introducirán nun circulo vicioso de perdición, nun cerco que se vai pechando, mentres recorren a cidade de Auria. A xenialidade do escritor permite mostrar, por medio dunha historia de aparente diversión, todo unha realidade de inxustiza e sordidez, que reproduce con gran mestría Vilar, introducindo paseniño o espectador nese abismo que vai engulindo os protagonistas. Isto, combinado coas actuacións impecábeis dos tres actores protagonistas, dá como resultado unha película que, dende logo, non deixará indiferente a ninguén. Altamente recomendable.
O xoves, 18 de decembro, os alumnos do Instituto terán a oportunidade de ir vela co centro.
Ver trailer da película.
IRIA GONZÁLEZ ESCOLAR-2ºbac-D
No hay comentarios:
Publicar un comentario