20.1.14

Farenheit 451 no Vaidelibros

O pasado 15 de xaneiro no Club de Lectura "Vaidelibros" comentouse a obra Farenheit 451 de Ray Bardbury. Logo dunha pequena introdución da moderadora, nesta ocasión Marga Varela, sobre a vida e mais a obra do autor, onde se puxo de manifesto que foi un home autodidacta, e cunha prolífica obra, tanto narrativa coma teatral, así como guionista de cine, pasouse a comentar aqueles temas que os asistentes viron como máis salientables na novela. Farenheit é unha novela distópica na que todos os presentes estivemos de acordo en considerar de gran interese, e na que se describe unha sociedade futura (a novela foi escrita e publicada a comezos dos anos 50) que ten moitos puntos de concordancia co sociedade actual, coma o poder dos medios de comunicación, especialmente TV, como medio para manipular a conciencia colectiva, o bombardeo da publicidade, a censura dos libros para evitar que a xente pense, a sociedade hedonista e deshumanizada onde só se busca a felicidade a toda costa, a falta de verdadeiras relacións sociais e familiares, a despreocupación de e por a xuventude...etc. Púxose de relevo, con algunha discrepancia, a linguaxe metafórica do autor, de fermosa factura pero ás veces de certa dificultade, sobre todo ao comezo do libro. En fin, unha obra de gran interese e premonitoria en moitos aspectos que nos debe abrir os ollos sobre a sociedade consumista e deshumanizadora na que vivimos, e na que agardamos que ao contrario que na novela non sexa necesario recorrer ao lume ou á guerra para rexenerala.
                                                                       PEPE TILVES

No hay comentarios: