23.1.13

Unha "volta ao mundo" no Vaidelibros


O pasado mércores, 16 de xaneiro, os asistentes ao Vaidelibros reunímonos na biblioteca para falar de "La vuelta al mundo de un forro polar rojo", do autor Wolfgang Korn, un libro sobre o que, en xeral, coincidimos en que foi fácil e gustoso de ler, que nos abriu os ollos e que fixo que debullaramos os temas pouco a pouco.

A moitos impactoulles coñecer cantos produtos das multinacionais están feitos por meniños, o que nos levou a pensar no valor que realmente deben ter as cousas e en como deberíamos actuar para solucionar esta malvada e cruel forma de traballo.


Enfrontámonos á realidade ao coñecer as inxustizas que se están a levar a cabo en todos os países, especialmente nos  subdesenvolvidos, pero tamén no chamado “primeiro mundo”, onde os poderosos utilizan as persoas para o seu propio beneficio, e mesmo as organizacións internacionais utilizan as persoas como monicreques, queren “rabaños de ovellas” ignorantes e sen creatividade para que obedezan sen máis.


Unha das participantes dixo que para remediar iso teriamos que volver ás costureiras da nosa vila, pero outro asistente contestou que para conseguir a tea necesitariamos do traballo en condicións laborais indignas dunha persoa dun país subdesenvolvido.


Somos unha sociedade de consumo insostible. Desaparecen os nosos principais sectores produtivos substituídos por grandes industrias que venden produtos elaborados, consumimos máis do que precisamos , creamos contaminación e tamén inxustiza social.

É hora de que nos sintamos responsables do deterioro do comercio e dos produtos que consumimos.


Miriam Otero Pousada, 1º bacharelato D.


No hay comentarios: