4.5.10

Festa do Troco.



Alumnado e profesorado aportou un máximo de catro libros a cambio de un vale que lle serviu, o venres, 23, para escoller outro libro dos que se foron aportando ao longo da semana. Deste xeito, deixamos un libro pero conseguimos outro.

Estamos contentos/as do resultado pois houbo unha boa participación de alumnado e profesorado e, ao longo da xornada, puidéronse intercambiar uns 160 exemplares.

Aproveitamos a festividade tamén para lle preguntar ao noso alumnado “Para que les?”, pregunta que suscitou respostas coma estas (só unha escolma das múltiples respostas que se recolleron):

Leo para vivir historias que os profesores non me ensinan.
SAMUEL MAURICIO 2º ESO – A

Leo porque disfruto e me fai feliz.Leo porque me gusta e quero.
ANTÍA SESTAY 2º ESO – A

Leo para ser Supermán de cando en cando.
PEDRO IGLESIAS 2º ESO – A

Leo para poder viaxar a lugares nunca vistos, entrar nun mundo de aventuras, terror e fantasía na miña propia habitación. Un mundo no que todo é posible.
YOHEL SANTOS 2º ESO – C

Para vivir historias que nunca viviría se non fose polos libros.
3º ESO – A

Para chegarme a outras realidades,
para poñerme no lugar de persoas diferentes a min,
para ser feliz!
4º ESO – B

Leo para divertirme e para escapar do mundo real e coñecer outros mundos.
Leo porque me apaixona ler.
YOLANDA BRUN – 1º BAC. - C

Leo para divertirme os días de chuvia que non podo saír.
4ºESO – C

Eu leo para soñar, vivir aventuras que xamais podería coñecer e tamén para disfrutar de personaxes incribles con historias alegres e tamén moi tristes, pero que seguen sendo interesantes.
E iso é todo polo que leo.
LORENA G. PARCERO 2º ESO -B

Porque me gusta a lectura e as historias que ocorren nos libros. É unha forma moi boa para pasar o tempo e aprender á vez.
BERNAL TORRADO 1º BAC. - A

Para entreterme e porque me gusta ler. Hai uns anos non quería saber nada de libros, pero o ano pasado empecei a ler un libro e desde aquela encántame ler. Sempre que podo leo un libro cada mes.
ANDREA CASAL DOBARRO 1º ESO – C

A min gústame ler libros: sempre que sexan entretidos, algo de drama, ficción, aventura...por exemplo, EL PRÍNCIPE DE LA NIEBLA, UN HOME NA PRAIA. Encántanme eses libros.
ÓSCAR ROSÓN RODAS 1º ESO – C


Ao tempo que mostramos algo do que xa outros e outras opinaran sobre os libros e a lectura:

Ler pode volvela a unha rebelde e infundirlle a idea de que é posible apartarse do camiño que lle trazaran outros.
MICHÈLE PETIT

“Onde non hai libros vai frío”. Vale para as casas, as cidades, os países.
MARÍA ELENA WALSH

Un libro é unha máquina para ler pero nunca se pode utilizar mecanicamente.
R. SCARPIT

Cando un le ten que ver e acariñar os detalles.
VLADIMIR NABOKOV

O verbo ler non soporta o imperativo, igual ca amar ou soñar.
DANIEL PENNAC

No hay comentarios: