16.10.08

Recomendacións de lectura de outubro (II)

Esta é a segunda entrega das nosas recomendacións para o mes de outubro




ACIO SANGUENTO
Daniel Sieiro, un policía capaz de ver ata debaixo do alcatrán, e o seu axudante Maquieira, deben averiguar quen é o autor do truculento asasinato de Xulio Afonso, un profesor de instituto, no que axiña detectan a existencia de moitos ángulos mortos e detalles, aparentemente insignificantes, tras os que se ocultan segredos, mentiras e unha historia de amor.Acio sanguento, premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia 2005, é unha novela de xénero policial clásica e pura na que o autor rende unha homenaxe a Colleita vermella, de Dashiell Hammett.


AS COUSAS CLARAS
Premio Merlín 2000. En vinte e catro horas, a vida pode cambiar de rostro sen previo aviso. Pode pasar de
parecer un lugar no que dá gusto estar, a converterse nunha paisaxe entoldada de ameazas e preocupacións.
¿Por que Mon, o profesor máis popular do instituto, aparece inconsciente case morto, dun día para outro?
Ninguén o pode explicar, e ninguén acredita na hipótese dun intento de suicidio. Coa axuda de Afonso,
Marga será a encargada de empezar a tirar polo fío dunha historia na que a morte, a violencia, a falta de
comunicación, a crueldade e a hipocrisía só poden ser superadas con amor.


A BANDA SEN FUTURO
Non é doado facer amigos nun novo instituto ós dezaseis anos, e menos se unha ten o cabelo rapado ó cero e se sente como un ídem á esquerda. Carlota non entende por que seus pais a obrigan a ir á clase. Só Poch, o cantante morto de Derribos Arias, é quen de comprendela e manter longas conversas con ela desde a súa foto, aínda que non sempre lle dá a razón. Nestes meses Carlota descubrirá o amor e o desamor, e intentará pillar o ceo cos pés.


LOS CHICOS DEL CORO
En 1949, Clément Mathieu, profesor de música en paro, comeza a traballar como vixiante nun internado de reeducación de menores. Especialmente represivo, o sistema de educación do director Rachin apenas consegue manter a autoridade sobre os alumnos difíciles. O mesmo Mathieu sente unha íntima rebeldía ante os métodos de Rachin e unha mestura de desconcerto e compaixón polos rapaces. Nos seus esforzos por achegarse a eles, descobre que a música atrae poderosamente o interese dos alumnos e entrégase á tarefa de familiarizalos co meigallo do canto, ao tempo que vai transformando as súas vidas para sempre.


Outros libros recomendados:
Mal de escuela. Daniel Pennac
Á sombra do mestre. Xoán Farias.
A lIngua das bolboretas. Manuel Rivas

No hay comentarios: