9.6.15

Teresa Moure no IES de Rodeira

E, finalmente, conseguímolo! O pasado 27 de maio Teresa Moure visitou a nosa biblioteca para falar cos pequenos de A casa dos Lucarios, e cos grandes de Herba moura. A casa dos Lucarios, publicado por Xerais na colección “Fóra de Xogo”, foi lido polo alumnado de 1º ESO. Conta a historia dunha familia a través das mudanzas e transformacións realizadas na súa vivenda ao longo de varias décadas. A autora respondeu todas as preguntas que lle fixeron os rapaces, as máis sobre o oficio de escritora e as menos sobre o propio libro. Contoulles desde cando quixo ser escritora, por que lle gusta escribir, que supoñen os premios na súa carreira literaria, cal é o seu libro preferido, que autor ou autores influíron na súa obra...



No encontro cos Vaidelibros a conversa centrouse máis en Herba moura, a novela gañadora do Premio Xerais 2005; nesta obra Einés de Andrade, unha muller que está a facer unha investigación para a súa tese doutoral, trasládanos ao século XVII onde nos atopamos con Hélène Jans e a raíña Christina de Suecia, dúas mulleres unidas pola figura do filósofo Descartes. Tamén nos falou de cuestións máis espiñentas sobre o mundo editorial ( a promoción dos libros, as traducións, os dereitos legais dos autores) ou sobre a normativa actual do galego. Ademais convidounos a ler a súa a próxima obra, Ostracia, que se publicará en setembro.

Teresa Moure engaiolou aos pequenos coas súas historias e amosouse como unha muller afable, sincera e valente. Ao igual que aconteceu cos outros autores que nos visitaron este curso, o encontro con esta escritora non nos decepcionou.


No hay comentarios: