6.6.14

O Vaidelibros despídese con Barrio lejano


 O mércores día 4 de xuño reunímonos coma sempre, ás 3 da tarde na biblioteca, para cambiar impresións sobre o libro elixido para a última sesión do club de lectura, Barrio Lejano, de Jiro Taniguchi.  Estábannos agardando uns abundantes e saborosos pinchos que compartimos para celebrar o remate dos encontros neste curso.
A opinión xeneralizada foi que a novela é de fácil e agradable lectura e as ilustracións magníficas e moi expresivas. Inda que o texto é breve e se fai curto pola narración lixeira e dinámica, desenvolve moitas ideas e temas que foron saíndo ao longo da conversa.
Trátase dun relato "fantástico"que utiliza un orixinal recurso de volta ao pasado. O protagonista, un adulto que está na corentena, volve a súa adolescencia pouco antes do momento en que se desencadea unha traxedia familiar que marcou profundamente a súa vida. Volve con todos os coñecementos e recordos da súa vida de adulto (o que me fixo recordar o dito que tantas veces oín na miña infancia "se me volvese da túa idade co que sei hoxe!") e descobre por que un día seu pai desaparece e os abandona sen dar ningunha explicación.

Falamos sobre o que case todos pensamos algunha vez "que cambiariamos nas nosas vidas se puideramos volver ao pasado", sobre a nostalxia de épocas pasadas, de como as guerras cambian a vida das persoas, as pegadas e o sufrimento que a segunda Guerra Mundial deixou no Xapón........

Foi un encontro bastante numeroso e moi agradable tanto pola conversa coma polo refrixerio.



¡VÁISENOS FACER MOI LONGO O VERÁN ESPERANDO A SEGUINTE REUNIÓN DO CLUB O PRÓXIMO CURSO!!










                                                          Esperanza Mariño

No hay comentarios: