22.5.14

Os Papalibros reúnense con Fran Alonso

O 9 de abril tivemos unha sesión extraordinaria do club de lectura : reunímonos con Fran Alonso, autor do último libro lido, O brillo dos elefantes, que veu invitado polos Papalibros.Tamén foi unha reunión especial porque o encontro se realizou ás 14:10, cando remataron as clases, polo que fixemos un encontro con comida incluída.
Aproveitando a visita do autor, desta vez os membros fixos do club  invitaron a outros alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO a que leran o libro proposto e a a asistir á reunión. En total xuntáronse 25 rapaces e rapazas deses cursos.


Tres alumnos do club prepararon unha pequena presentación sobre Fran Alonso na que deron conta da súa biografía, obra e premios.

                        Manel, Julio e Pablo presentaron o autor, bibliografía e  a obra lida para esta sesión

A continuación, o autor foi contestando as  nosas preguntas e reflexionou sobre outros aspectos da súa obra: o conflito no Sahara, a situación da xente nos países subdesenvolvidos, a multiculturalidade, os problemas da vida cotiá,... Impresionounos a súa sinxeleza, afabilidade e humildade, pois, a pesar de ser un dos autores máis recoñecidos da literatura galega actual, prestouse a empregar dúas horas do seu tempo para compartilo cos lectores máis pequenos.

Ao rematar a charla asinou no libro de honra da biblioteca e, en agradecemento á súa amabilidade, agasallámolo cunha reprodución do faro de Donón realizado por un artesán de Cangas.


                                             

  Aitor Gandón e Julio Ortega ( 2º B ESO)

No hay comentarios: