15.3.13

Xesús Constela visita o Vaidelibros



15724
Autor: Xesús Constela
Editorial Galaxia

O mércores 20 de febreiro reunímonos na biblioteca do IES de Rodeira arredor de vinte persoas para comentar a novela 15.724 de Xesús Constela. Nesta ocasión contamos coa presenza do autor, polo que puidemos afondar no contido da novela e coñecer o solitario traballo do escritor.

Aínda que Xesús Constela non ten unha obra moi extensa, leva acadados premios como o Torrente Ballester na súa XV edición con As humanas proporcións (2003) e o premio García Barros coa novela Shakespeare destilado (2008). Completa a súa narrativa Libro das alquimias (2007), e 15.724 (2012), que como as anteriores, están publicadas en Xerais.
  
Antes de dar comezo á reunión, os participantes falan en pequenos grupos. Uns comen o tradicional bocadillo, outros toman infusións e cafés. Todos degustan as deliciosas chulas, agasallo dunha nai (graciñas). Xesús acompáñanos coa súa afable presenza e o primeiro contacto que ten é cos seus compañeiros de profesión. Comezamos a saber cousas del como que é profesor de inglés no IES de Poio e que anteriormente traballara no IES As Barxas de Moaña. Tamén nos confesa que cando gañou o premio Torrente Ballester, os medios de comunicación comezaron a chamalo para facerlle preguntas. Isto colleuno por sorpresa, pois non tiña nada preparado. Desde aquela sempre trae o discurso ben aprendido. A partir deste momento, o diálogo flúe desenfadado abordando pouco a pouco a novela.

Cóntanos que a idea da novela xurdiu cando leu un artigo periodístico que trataba sobre a pena de morte. A partir deste momento comeza un traballo de investigación. Indaga en internet sobre outros casos, descubre as diversas técnicas que existen para executar e decátase da desigualdade dos vereditos dependendo dos recursos económicos do acusado e a experiencia do defensor. Tamén furga nas organizacións que loitan polos dereitos humanos e asómbrase cando atopa países demócratas como EEUU de América, Xapón ou India que aínda a manteñen vixente. Unha vez recompilada a información, escribe intensa e extensamente sobre as ideas que lle van xurdindo para despois reducir e puír o volume escrito ata obter o resultado final. Todo este proceso de elaboración dura dez anos, quedando gardada no caixón por temporadas.

A decisión do título tivo a súa historia, pois no transcurso da escrita cambiouno varias veces e non se decidiu por ningún. Xa a obra rematada e na imprenta, propuxo este encabezamento final, un número, que ten que ver cun dos personaxes. 

Enmarcada nun tempo que pode ser o presente, sitúa o espazo ficticio na Patria, un lugar gobernado por un Mariscal e asentado no lombo dunha ave durmida. Esta metáfora crea unhas imaxes recoñecibles que se potencian cando lemos as Leis do Libro dos Protocolos. Xesús comenta que preparar o Libro dos Protocolos foi unha experiencia moi interesante. Buscou en diversas constitucións e preguntou a expertos na materia para non meter a pata e ter coherencia na escrita.

Estas metáforas contrastan co sentido de realidade que se aprecia na peza. O xogo de contrastes, de situacións opostas, gústalle utilizalo. Desta maneira divide a obra en dúas partes. A primeira presenta unha serie de acontecementos desafortunados que se producen no seo dunha familia. Gordo, tras a morte de Nube, a súa irmá xemelga, perde a conciencia quedando ancorado no pasado e desconectado da sociedade. Mantén unha relación fría e de enfrontamento co seu irmán Samuel R, máis preocupado do seu futuro e dos preceptos da Patria que de atender ao irmán. Na segunda parte, a fábula* dá un xiro tráxico e o tema principal, a pena de morte, xorde sen avisar. 

Outras figuras que utiliza son as repeticións que nos levan ao pasado. Tamén constrúe as frases dun xeito particular que lle dan, segundo el, un estilo propio que o identifica.

En definitiva, unha crítica á pena de morte onde hai casos nos que o reo está incapacitado psicoloxicamente. A prolongación da agonía aprazando a sentencia, a manipulación dos medios de comunicación,  o morbo da execución que produce na sociedade e o odio, rancor e desexo de vinganza das familias dos asasinados, son pegadas que o autor deixa e comenta para que tomemos conciencia sobre o tema. 


*Fábula.- ...Un tercer significado de fábula (que procede de Aristóteles) es el conjunto de acontecimientos que constituyen el componente narrativo de una obra, hechos o episodios que están vinculados por unas relaciones de causalidad y de continuidad en la sucesión temporal. A través de estos hechos, se desarrolla la historia narrada en una novela o representada en un drama. (Estébanez Calderón, Demetrio; Diccionario de términos literarios, Alianza Editorial, 2004)

Xoán C Riobó

No hay comentarios: