7.5.12

Purga no "Vaidelibros"

O 2 de maio reunímonos para comentar as nosas impresións sobre Purga, unha novela da autora finlandesa Sofi Oksanen.


Contamos coa presenza de Tuula Ahola, a simpática finlandesa galego-falante de San Adrián de Cobres que fixo a tradución ao galego para a editorial Rinoceronte.

Compartiu con nós aspectos que nos fixeron entender mellor a obra: falounos de Finlandia e de Estonia ( país no que se desenvolve a historia); explicounos que, ao traducir o que dicían algún personaxes, botou man de palabras e expresións que empregan os seus parentes e veciños da aldea na que vive; explicounos que o apego á terra da protagonista é o mesmo que senten os galegos e galegas do mundo rural, e fíxonos reparar en aspectos máis literarios como a identificación entre Aliide e Zara ou na presenza da mosca mesmo nuns informes finais do KGB.

Os asistentes falaron da presenza constante da mosca como símbolo da putrefacción; de Aliide, a protagonista, ás que uns cualificaron como unha muller desalmada e outros como unha supervivente; das relacións ( afectivas ou só interesadas) desta muller cos outros personaxes principais: Zara, Martin, Hans, Ingel e Talvi; do continuo trafegar na cociña; da terrible vida de Zara mentres estivo no poder dunha mafia dedicada á trata de mulleres; das distintas épocas da desgraciada historia de Estonia, e dos agochados , personaxes que nos fixeron lembrar a Guerra Civil española, época na que tamén houbo homes en agochos e mulleres que coidaban da súa supervivencia.

Houbo unanimidade en xulgar a obra como “dura”, pero tamén en considerar que foi unha lectura que pagou a pena facer.
ALBA POSES - Profe e membro do Club de Lectura



Tuula Ahola, tradutora de Purga ao galego en Rinoceronte e ao castelán (xunto co seu fillo Tomás) en Salamandra


No hay comentarios: