15.6.11

Rosa Aneiros no IES de Rodeira



O pasado luns día 13 de xuño pola tarde a escritora e xornalista Rosa Aneiros veu ao IES de Rodeira dar unha charla-coloquio sobre unha das súas últimas novelas publicadas, "Sol de Inverno", ao alumnado da ESA e dos obradoiros que asisten á clase pola tarde. A charla resultou moi amena e a autora explicoulles aos oíntes o proceso de creación da súa novela, como lle xurdiu a idea de escribila a partir das lembranzas da infancia das cousas que lle contaba o seu "padriño", como foi pescudando datos e tratando de artellar a historia para que esta fose progresando en interese. Faloulles tamén de por que se decidiu a empregar a segunda persoa narrativa, e de como decidiu mesturar personaxes reais con outros inventados, nun esforzo por dar "credibilidade" á novela.
Faloulles tamén da súa proxima novela, na que aínda está traballando, e dixo que será unha novela máis "alegre" pois unha das cousas que máis lle achacan é o carácter cruel e triste das súas obras, e especialmente de "Sol de inverno".
Rosa Aneiros é unha autora de éxito que xa ten acadados entre outros o Premio Modesto R. Figueiredo en 1998, o Manuel Murguía de relatos en 2001, o Carvalho Calero, o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente en 2005, o Losada Diéguez tamén en 2005, o Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego en 2007, o Premio Xerais de 2009 precisamente por "Sol de Inverno" e o Premio Fundación Caixagalicia en 2009 por "As de bolboreta.
Os asistentes á charla pudieron preguntar todo o que quixeron e a autora moi amablemente foi respondendo as distintas preguntas. Ao remate foi despedida cunha grande ovación non sin antes ter que dedicar os exemplares da súa obra a todos aqueles asistentes que acudiron á charla co seu exemplar


PEPE TILVES

No hay comentarios: