11.6.10

Club de lectura: "La flor púrpura"

E chegou o final de maio e con el o noso derradeiro encontro no Club de Lectura do IES Rodeira do curso 2009/2010. Desta volta falamos de La flor púrpura (2003), primeira novela da autora nixeriana Chimamanda Adichie Ngozi.

A historia, que leva o título orixinal Purple Hibiscus, está ambientada nunha cidade nixeriana, Enugu,no seo dunha familia acomodada de matrimonio e dous fillos. A xove Kambili, de quince anos, e o seu irmán maior, Jaja levan unha vida privilexiada. O seu pai é un poderoso e respectado home de negocios, viven nunha bonita casa e van a un colexio relixioso de élite. Pero, como Kambili revela no seu relato, a súa vida familiar dista moito de ser harmoniosa. O seu pai é tamén un fanático católico que debuxou unhas expectativas imposibles de cumprir para a súa familia, á que castiga con crueldade se non actúa de acordo co que el considera a perfección evanxélica. Só cando ten noticia doutros modos de vida Kambili adquiere conciencia da escuridade e violencia do seu. A súa afectiva tía Ifeoma convence a seu irmán para que deixe os seus sobriños visitala en Nsukka. Unha vez no humilde apartamento desta descobren un mundo totalmente novo, gobernado pola calidez, o respecto ás ideas, a liberdade, a ausencia de castigos...gobernado, en fin, polo amor. Cando un golpe militar sacode o país e Kambili e Jaja volven á casa transformados pola liberdade conquistada, a tensión familiar medra de forma alarmante. Jaja xa non está disposto a baixar a cabeza e Kambili terá que atopar a forza necesaria para defender aos seus seres queridos.

«A historia sensible e conmovedora dunha nena exposta demasiado pronto á intolerancia e á cara más horrible do estado de Nixeria.» J. M. COETZEE

















Este é o argumento desta obra que nos ilustra sobre aspectos da vida nun país africano. Unha mostra dunha literatura, a africana, que se está deixando coñecer en España e que aproveitamos para reclamar en galego. A ver se a quen lle compete nos escoita.

Chimamanda Adichie Ngozi publica en 2006 a súa segunda novela, Medio sol amarillo que está publicada en español pola editorial Mondadori. Unha boa recomendación para este verán.

E se alguén quere achegarse á autora e o que ela di da súa obra, pode ver o seguinte vídeo:



Esperamos con ilusión retomar os encontros literarios o curso que vén con novos títulos e, cando menos, a mesma xente.

Felices lecturas e feliz verán.

No hay comentarios: