4.2.09

Xa case é de todos


Por: El País


11-Xaneiro-2009



A próxima guerra comercial entre Estados Unidos e Europa podería ter como protagonista un personaxe de cómic: Popeye. Segundo a normativa europea de dereitos de autor, o famoso mariño pasou ao dominio público ao cumprirse 70 anos do falecemento do seu autor, Elzie Crisler Segar, por leucemia en 1938. Non obstante, en EEUU a lexislación sobre copyright considera un prazo de 95 anos dende a creación do personaxe, polo que ata 2024 se producirá unha chocante situación asimétrica entre as dúas grandes potencias mundiais. Mentres que no país que viu nacer a Popeye os seus dereitos seguirán a bo recado, en Europa poderanse usar de forma libre os debuxos de Segar para calquera obra derivada daqueles, dende camisetas, xoguetes, bonecos ou videoxogos a novos cómics baseados nos personaxes. Unha tensa situación á que hai que engadir un terceiro actor: King Features Syndicate, un dos todopoderosos sindicatos que controlan as tiras diarias que se publican nos diarios americanos e que é propietario da marca rexistrada Popeye, un concepto que se rexe por diferentes normativas aos dereitos de autor. É de supoñer que a filial do imperio Hearst protexa con uñas e dentes unha icona que xera suculentos ingresos anuais en forma de royaltys de todo tipo de mercadotecnia variada, que poden chegar aos varios miles de millóns de dólares.
Agora, os creadores europeos poderán usar de forma libre os debuxos de Segar, obxecto dos dereitos de autor que prescriben no vello continente, pero terán que evitar non só o uso de marcas rexistradas (como Popeye, Oliva ou Bluto) senón que esas obras poidan chegar aos EEUU para non incorrer en violacións da complexa e algo desquiciante rede de normativas legais que se converte, ademais, nunha especie de arañeira transnacional de difícil comprensión e que será protagonista dunha dura batalla legal que no futuro poderá afectar a Betty Boop, Mickey Mouse ou Superman. En España a Lei de Propiedade Intelectual ten un prazo de 80 anos, que a directiva europea respecta para os autores falecidos.


No hay comentarios: